16.4.06


EU SON ALICIA
A CAZADORA DE ACONTECEMENTOS
todo o demais forma parte do espello
sobre a súa superficie
xira a paisaxe




© 2006 Diva Photography

30.3.06

nubes que caen en silencio como Ingeborg Bachmann

non concibo outra estación, nin
no desexo, a posibilidade real de asomarme á fiestra sen perigo de ser engulida pola gratuidade da paisaxe:
eu a nena dos lapis subida ao tellado e debaixo, o prato da sopa (desespereime tanto que quedei atrapada na
fotografía) e como cobizaba dende o alto chegar a ser espectadora:
saindo-me de dentro unha familia de gatos negros, todos eles pintores, canto desexo de luz e sombra! daquela,
na inutilidade dos corpos, percorrer o Val, meu amor, o Val do que che falei, a nosa leira de millo de valor
incalculable, o disparo, o animal morto ante os meus ollos e acto seguido, a transmutación dos valores
nada por aquí nada por aló:
un dragón sen cabeza,
PERIGO

(xa o chamán da tribo profetizara que a aldea sería tarde ou cedo destruída pola furia do volcán, iso sempre e
cando os habitantes da tribo non deixasen de ser seducidos polos beneficios económicos do turismo sexual: de
corpos, extensións de espigas douradas, canta lentitude, e soar de campaíñas, e anestesia...)

todo isto pensaba Bloomfield
namentres pintaba as terrazas brancas e rosas ao pé do monte Tarawera

OS CORPOS:

entramados de nubes
sen

significado

nubes que caen en silencio

para que nada nos separe, cadaquén ha de sentir a separación,
así falabas, dende o cometa, e a sal caía do ceo como se volvese sobre o mundo o desexo de alimentarse.
eu rexistraba con precisión os álbumes fotográficos pero perdéranse as imaxes antigas de cando me fora posible
chegar a cometer crimes: velaí que imito o murmurio do volcán, a furia dos animais negros por reflexarse nas
augas do océano, voltei ao Val e tamén á Nabeira e aínda subín ao monte ao pé do eucalipto e agardei pola
pantasma do avó -ningún cisne ningún máxico sinal ningún beneficio por dubidar-
sequera crer, se me fose posible...

NADA
NO MUNDO HABITADO
é dicir,

NADA

e as veas?
e os artefactos que empregabas para impulsarte cara adiante, as armazóns de voces seductoras nas mensaxes
telefónicas á metrópole do teu amante imaxinario?
todo, todo, recollérano todo,
dende o meu secador de pelo ata o maior dos meus desenganos,
a miña reputación, o meu ser-no-mundo, o meu fondo mariño ( árbores e prantas carnívoras, animais vivos e
mortos escampados polas corredoiras, lumes nos tellados que representan as almas dos defuntos e a necesidade
que teñen de seren recordados)
e o cazador, no centro, facendo xestos, desesperándose por non saber maniobrar coas redes,
que fermoso espectáculo televisivo,
comunicarse:
en estadios de luz-sombra, sobre todo moita sombra que impida o acceso ás interioridades
-e eu volcándome en tí, recollendo xelatina dos ollos e da boca (negro o mar negras as unllas negras as entrañas
do mundo negro o saúdo do asasino ao entrar pola fiestra, negro o seu rostro-espadas semellantes a nós e a todo
o que amamos -miña pequena encantadora de serpes-estratocúmulos,
que marabilloso sería poder cortar daquela, e facelo transversalmente,
no punto exacto do acontecer do acto
COMUNICATIVO

(...)

nubes que caen

de como o 23 de setembro do oitenta e catro
varrín toda a casa e alimentei as vacas debidamente
-non hai manchas nas sabas nin
no alento, tranquilízate mamá, espello espello espello espelliño-máxico direiche quen son:
escollerei o trauma que precises en cada momento, atraparei o monstro correspondente,
comereino todiño pero serás ti quen leve o seu nome, e marcharás feliz predicar no deserto.
canta negrura meu Deus nesa nube que pasa pero
é que non a ves?
-ATRÁPAA!

(é todo o que recordo)

naquel día
MILLEIROS DE BALAS EN FUGA
CARA ADIANTE

coa cabeza nas nubes

©Hedda Stern, Untitled




15.3.06

Fotografías...
volveuse tola a frautista dentro de min!!!
e os ratos sairon a festexalo facendo xantar nas conciencias dos habitantes da cidade-país (un exército de ratos contra un exército de cabezas pensantes:

velaí a teoria do significado)

estraña é a linguaxe dos super-vivintes,
eses dos que falarán as cancións cando
ningunha voz (léase cámara fotográfica ou desexo de ser fotografiada para a posteridade) se nos impoña sobre o desexo de ser frautistas,
e tolear

alternativa:
ollos de gato con amorogos
facer o amor enriba das nubes
e debaixo
palalalalalalalabras

Negativos...

dende a realidade que lle impón nomes ao desexo, á vida:
LIPPEN-SCHWELLGEWEBE der Du-Nacht,
e tamén beizos, tecido-límite da noite-tí.
presentir algo semellante.
como super vivir daquela,
senón na devastación, na ferida

amplo seria o mundo de haber como e onde e de quen e por que ESPERTAR
cando

Copias...
1. Anteollos escuros pra ler a Paul
2. Ósos rotos despois da merenda,
unha fiestra, un ruido de sabor-tempo
entrando polos meus orificios, dando a voz de alarma....
3. Non te entenderán. nin que lles expliques o peso das balas que devecen por seren libertadas
4. concibo o meu nome en minúsculas
pra poder navegar polos bordes sen ter que levar paracaidas
5. As cancións de Kitsch polo sumidoiro
A mellor droga? O desencanto

un bosque ardendo a modo de parede,
e contra el, a desesperación
nada poderá.
Nin o medo.

(significar é unha maneira das moitas que ten a pornografia: un acto público con independencia de que os espectadores sexan ou non visibles, obxectivamente existentes)

cando estiven diante da verdade


















©Sam Weber "Little Red Riding Hood"

20.12.05

en construcción I: paisaxes en fuga cara adiante


na imposibilidade
de realizar

ningún acto
disparo

e rápidamente recollo do chan os desperdicios
rápidamente enfrento un a un
todos os cadáveres


libro de poemas de Maiakovski

amor roubado a fío de navalla
lento o pasar dos días no retorno ás cavernas da razón


tanto ten a maneira na que me exprese, sempre serei ben recibida, ben considerada, ben rodeada de luz para que os meus pensamentos non erren a traxectoria
-ARBORES intactas diante do medo- unha circunferencia perfecta, un enigma, o paradiso necesario para ser expulsada del, co meu nome inscrito en cada froita
-non é esta en resumidas contas unha fotografía da paisaxe destilada que escorrega por entre as pernas?

-Non, é a túa identidade lingüística:
un planeta próximo a extinguirse, e BERRAR,
BERRAR

agora que as paredes da casa non me recoñecen,
agora que o meu corpo é transparente e ningunha linguaxe me compete

agora
debuxo paisaxes en fuga cara adiante
e permanazo inmóbil


é a única maneira de desprazarse

11.12.05

meteoroloxía II: lunática flor


xogar a desfacer nós
entre o teu cabelo

descifrando
o inmenso
baleiro

que deixaches








Flower 1096, silver print, ed. 6/10, 1983
©Robert Mapplethorpe Foundation,

meteoroloxía I: nubes


Nausícaa érguese,
enfróntase á balea.
vence.

comprende

non comprende





©Anthony Dimaggio:"Clouds" Oil on canvas