13.9.06

punto de fuga
agora en blogaliza

http://puntodefuga.blogaliza.org/

10.9.06

proxecto de mín (e outras)

o poema, estilos e estilos de baleirar o contido de tódalas botelliñas maneiras de amar,

cunha periodicidade exacta memorizar a vertixe, os beizos verquendo a palabra velenosa

sobre a imposibilidade da fe

Casa de aldea, tres ou catro mártires inquedos diante do aparello televisivo

(e cada vez máis, no desexo, na proxección do propio intelecto máis aló das leis da física)

a miña obsesión por contar nubes

e ser capaz de percibir tódalas respostas posibles aos climas oceánicos


-lín aquel tratado sobre a eficacia e cando volvín os ollos fóra do libro xa non había nada

nada que puidese equivaler a unha existencia xenuina, real

o absoluto engaiolado na miña boca frenética, o horizonte aberto entre as paredes da Casa

-enganeime, non era este o lugar perfecto para realizar unha aterraxe forzosa

o desexo: pero é que todo é tan pequeno que non vía onde pousar os pés...

-e se só estou viva para vingar as túas ás?

cada obxecto, unha ausencia, do mesmo xeito ca mín, que nunca quixen servir para nada,

ainda así a serpe sempre me observa con ollos cobizosos pero eu nunca lle ofrezo a mazá,

tampouco penses que a como, xogo a darle patadas ata que reventa

adoecendo baixo un ceo baleiro de nubes (baleireino eu,

tiña tanta sede)


velaquí o enigma de Parménides, o padecemento das súas consecuencias


(exemplo de reparto de tarefas)


eu desprazareime cara o sur namentres haxa aves migratorias,

estirarei a pel ata converterme na miña propia casa,

explicarlles iso aos alieníxenas que me habitan:

el buit infinit acaba en sí mateix i comença en la manca dels altres, dixo el

a continuación a sucesión das fases do sono, o animal-rizoma nas puntas dos dedos

-posuirás o meu corpo coa seguridade da túa propia derrota?

é o único xeito que coñezo de acceder ao exterior,

repite comigo: calquera forma de expresión é válida para transformar a materia,

ningún substrato é inalterable.

nun planeta lonxano, descoñecido: os meus pais, peregrinando á virxe dos tolos, proxectándose cara adiante con unllas e dentes, calor abafante, era despois da sega, eu voltara da viaxe cun sorriso perpetuo, xa nunca nada me pertencería, a non ser a escisión, a división de todo en partes iguais, e no centro, a negrura

volvendo cegos os animais salvaxes, aniquilando a posibilidade de abrir ningunha porta,

todo son entradas, mais ningunha saída!

querías, ainda así, dar a luz paradisos: un por cada membro da tribo, facer que nunca máis ninguén precisase de ningunha divinidade, sobre todo, de ningunha encarnación de tal divinidade:


(antídoto para espectros, desviación do medo ao avance das tropas inimigas,

ABRACADABRA,

é a cidade mesma quen se move na procura da vinganza)


imposible existir mentalmente

revolución: erradicar tódolos comezos,

multiplicar os cortes ata o infinito


(extraído do co mentario ao I-Ching, Libro dos Cambios)

-e se resulta que todo é metafísica?


-onde residiría daquela o poder contestatario da linguaxe?


-shhhhhh


29.6.06

a dor inédita (I): animal eterno, animal idiota

descoñezo os teus límites,
mais a túa beleza éme familiar:
un subproducto da derrota, da imposibilidade de fabricar espellos en serie
para logo atravesarme con eles,
tantas veces como faga falta,
a pel, o medio de transporte perfecto para un corpo que non é máis
que o campo de batalla no que a sabedoría vén ao mundo,
(porque de agora en adiante será máscara todo canto pronuncie)
materia ígnea pensaba ela,
e se non es tí, onde atoparte?
materia ígnea, os gatos esparexidos polo chan como plantas carnívoras
o mobiliario inexistente loitando por saír da túa cabeza
por iso fas tanto ruído cando non te vexo?
gardando espazos para a dor, e navallas e coitelos
en xeral calquera obxecto afiado
navegaría eu se tivese veliñas pra navegar
por este río, pola extensión de herba, ferida, paso, case rozando o límite da existencia
conxugar os verbos, os planos astrais, a expropiación
e maila pertenza.
cantas pedras recolliches hoxe?
con elas construirás a miña casa,
teño un mapamundi onde só faltas tí,
eu?
é dicir, a palabra, o mártir no que te convertiches, a paisaxe baleira, o enorme dragón coas ás apegadas
á superficie do sol
(dos teus ollos saiu a neve que me afoga)
se saio de mín só é para respostar ao enigma, non porque estea namorada da Esfinxe.
Doce veces, a circunferencia ao redor do pescozo,
na lingua o paso lento da formiga exploradora que ao verme pensou en mín coma nun
universo fértil

o camiño a Itaca non era o camiño ao poder,
nin sequera o camiño ao coñecemento,
o camiño a Itaca é o camiño á servidume
obviamente,
di verdade quen di sombra


10.6.06

baixar das nubes

esquecer a razón da escrita,
encher a necesidade de pólvora e comer moito chocolate para extender sobre o mundo
canta negrura me sexa posible

-e non, non podo dicir que as cousas me habitan,
non podo eliminar a negrura dos seus bordes

voz: torre na que esperas impaciente a chegada do tren que te desprace ata onde poidas ser recoñecida, amada, dividida en infinitas partes

alles lüge, Ingeborg:
no labirinto

a señora da casa debruzada na fiestra, un animal movéndose cara ela
e os transeúntes inmediatamente desaparecen,
é evidente que tampouco hoxe conseguirei abrazarte

que na vida non hai necesidade de vida

(quero ir ao teatro esta noite
e que sexas tí quen se volva tolo)

2.5.06

LINGUAXE-NACIÓN-PODRE

recuperando a vida,
na linguaxe
:
unha certidume de insectos, unha pel de dous mil anos sobre os meus órganos-espellos
vendereime, serei fiel, infiel, serei lanza e espada e maila noite nos tellados (título do filme no que os vellos e vellas da aldea contaban contos ao redor do lume)
non eran as ánimas, non, era a encarnación do mal, o verbo divino, a verba divina, todo mentira, tanto me ten o sexo que lle outorgues ao descurso, sempre serás o lobo feroz e eu:
AUSENCIA
era iso, e non Deus, o que se proxectaba sobre as alturas, aló polo ano 27, cando erades mozas, tí e tódalas outras concubinas
nin que digas: un tesouro!
atopei un tesouro! e berres con forza
berrabas canto podías pero ninguén máis tiña daquela
OLLOS
VOZ
OLLOS
VOZ
OLLOS
VOZ
OLLOS
VOZ
e agora tampouco é diferente.

que necesidade tiñas tí de acontecer no mundo?
no horizonte unha cidade en ruinas, un corazón inmenso
só puiden recollelo do chan e poñelo no seu sitio, ben, máis ou menos no seu sitio,
pero non lle puiden dar voz
e máis agora, cando tódolos nomes semellan palidecer ao meu tacto,
que farei das pedras que me lanzades?
existir?
se existo, daquela
esixo existir nunha probeta, e que a clave para saír só exista en tanto que eu son un suxeito lingüístico,
coa miña existencia perfectamente escindida da miña vontade
non é marabilloso?!
existir para ser dividida en partes iguais, iguais entre sí pero opostas á vida, de costas á vida, non ás ganas de vivir que é ben diferente.

e nos centros comerciais xestionar a derrota

hoxe decido nacionalizar tódolos meus recursos : a ironía, o medo, a vertixe, os pés descalzos, o corpo de area que se desfai en DECIDIR Que negro, o porvir! Que pálidos, os soños! e que pequeno, que inmensamente pequeno o horizonte, que non é tal horizonte senón sería inacadable
pero que lle queres?
é que ainda non naceu a vida, todo é produto desta publicidade enganosa, cartesiana, por suposto se queres poñer algo en claro terás que esquecer tódolos libros que liches, o enorme artefacto devorador de Sentido.
e xa me dirás tí cando atopaches algún tesouro, tí, que só sabes recitar Maiakovski e rabuñar migallas de Amor por debaixo da mesa dos asistentes ao Acto
non hai convidadas, no Acto?
tampouco hoxe se producirá o sismo que predeciches?
só esperas tí diante da porta?
e non será que só hai unha porta porque tí esperas?
e máis aló de esperar, que?

o espanto


recuperando a vida
na linguaxe
na linguaxe?
andrómenas!


reivindico a nada como competencia
elixo podrecer INMENSAMENTE

26.4.06

manifesto fundacional do desencanto

velaquí a escritura da pólvora
unha caligrafía para contentar ao diaño
o teu sorriso estranguloume de vagar
e eu só daprendera a dicir que sí
e a darche as grazas

velaquí os animais no labirinto
pero non somos nós
a metafísica de deitarse nos regos feitos polo arado en terra
allea, nunca na propia

teño visións de realidade
teño unha atmosfera implacable
a delimitar o meu peso dos outros pesos
dividín e vencín sempre, mais a miña
visión era cómplice do medo
a entender como é que os teus aneis non serven para te facer visíbel
á miña sospeita
De amor De amor
Imposible superar o choque
a dispersión de moléculas na escuridade da eclipse lunar
A. Nome
B. Silencio
Incendios, só iso
en calquera lugar accesible á memoria
e á proxección do propio intelecto alén das leis da física
Materia incandescente
Querote.
E tamén na risa, no espanto




DESCENDERMOS ASÍ
AO INFERNO
BEN CALADIÑ@S,
BEN QUENTES

16.4.06


EU SON ALICIA
A CAZADORA DE ACONTECEMENTOS
todo o demais forma parte do espello
sobre a súa superficie
xira a paisaxe




© 2006 Diva Photography

liquidez II (pero só para verte, non para cruzar ao outro lado)

a boneca de pelo rosa ingresou no
psiquiátrico, tal vez agora

AMOR:

o vertedoiro das culpas, dos homes-león,
dos homes-metáfora,

un par de violíns soando sen tempo com tí,
que sempre dicías para, que estou a punto de correrme

ou coma mín
desatendendo
cada golpe
da mazá de Newton

de nada nos valeron entón
o anarquismo, os espellos e os mapas

cando a tú voz se enredou na
madeixa
eu tireina polo balcón

e aló se ía

a preciosa boneca


envolta en citas de Hölderlin


***


así que detiven o camiño
e compareino cos meus zapatos. Detrás de mín,
a aldea vomitaba,
vomitaba penedos, cadelas en celo,
verbos irregulares,
vestíanme todas as mans
e desvestíanme todos os segredos,
quería
engaiolar o teu sexo
para que fose o axóuxere dos nenos
¡quería facer aquela
tarta de queixo
e estamparlla no nariz
á imaxe do Santo!

era todo o misterio,
aquel vaso de cristal irrompible, collíchelo e
dixeches: mira, o valor das túas palabras
reside aquí, no esgotamento

pero cando voltei do deserto
as arañeiras ocupaban por completo
o salón, o retrato,
o meu cabelo secando ao Sol
mentres te masturbabas sobre o café con leite
EN CONSTRUCCIÓN


¿sabías que a frautista
volveuse tola?

liquidez I (un espello vencido polo desexo)

antes de ser a nena das longas trenzas
fun a nena das longas avenidas

-sae das cavernas, xentil espermatozoide,
dicía a nosa nai dende o fogón,
e o cigarro que papá sostiña na man
tornouse verdade,
flor lenta das miñas sospeitas
axexando
entre os colectores do lixo:
a culpa,
¿foi esa
a vértebra
que o demiurgo deixou
esquecida
no meu cuarto?
(no cal están todas as figuras
nos seus lugares correspondentes)


¿e se foses quen de andar cara atrás,
cara o momento no que o río é
o mesmo río que era antes?