13.9.06

punto de fuga
agora en blogaliza

http://puntodefuga.blogaliza.org/

10.9.06

proxecto de mín (e outras)

o poema, estilos e estilos de baleirar o contido de tódalas botelliñas maneiras de amar,

cunha periodicidade exacta memorizar a vertixe, os beizos verquendo a palabra velenosa

sobre a imposibilidade da fe

Casa de aldea, tres ou catro mártires inquedos diante do aparello televisivo

(e cada vez máis, no desexo, na proxección do propio intelecto máis aló das leis da física)

a miña obsesión por contar nubes

e ser capaz de percibir tódalas respostas posibles aos climas oceánicos


-lín aquel tratado sobre a eficacia e cando volvín os ollos fóra do libro xa non había nada

nada que puidese equivaler a unha existencia xenuina, real

o absoluto engaiolado na miña boca frenética, o horizonte aberto entre as paredes da Casa

-enganeime, non era este o lugar perfecto para realizar unha aterraxe forzosa

o desexo: pero é que todo é tan pequeno que non vía onde pousar os pés...

-e se só estou viva para vingar as túas ás?

cada obxecto, unha ausencia, do mesmo xeito ca mín, que nunca quixen servir para nada,

ainda así a serpe sempre me observa con ollos cobizosos pero eu nunca lle ofrezo a mazá,

tampouco penses que a como, xogo a darle patadas ata que reventa

adoecendo baixo un ceo baleiro de nubes (baleireino eu,

tiña tanta sede)


velaquí o enigma de Parménides, o padecemento das súas consecuencias


(exemplo de reparto de tarefas)


eu desprazareime cara o sur namentres haxa aves migratorias,

estirarei a pel ata converterme na miña propia casa,

explicarlles iso aos alieníxenas que me habitan:

el buit infinit acaba en sí mateix i comença en la manca dels altres, dixo el

a continuación a sucesión das fases do sono, o animal-rizoma nas puntas dos dedos

-posuirás o meu corpo coa seguridade da túa propia derrota?

é o único xeito que coñezo de acceder ao exterior,

repite comigo: calquera forma de expresión é válida para transformar a materia,

ningún substrato é inalterable.

nun planeta lonxano, descoñecido: os meus pais, peregrinando á virxe dos tolos, proxectándose cara adiante con unllas e dentes, calor abafante, era despois da sega, eu voltara da viaxe cun sorriso perpetuo, xa nunca nada me pertencería, a non ser a escisión, a división de todo en partes iguais, e no centro, a negrura

volvendo cegos os animais salvaxes, aniquilando a posibilidade de abrir ningunha porta,

todo son entradas, mais ningunha saída!

querías, ainda así, dar a luz paradisos: un por cada membro da tribo, facer que nunca máis ninguén precisase de ningunha divinidade, sobre todo, de ningunha encarnación de tal divinidade:


(antídoto para espectros, desviación do medo ao avance das tropas inimigas,

ABRACADABRA,

é a cidade mesma quen se move na procura da vinganza)


imposible existir mentalmente

revolución: erradicar tódolos comezos,

multiplicar os cortes ata o infinito


(extraído do co mentario ao I-Ching, Libro dos Cambios)

-e se resulta que todo é metafísica?


-onde residiría daquela o poder contestatario da linguaxe?


-shhhhhh


16.4.06


EU SON ALICIA
A CAZADORA DE ACONTECEMENTOS
todo o demais forma parte do espello
sobre a súa superficie
xira a paisaxe




© 2006 Diva Photography

30.3.06

nubes que caen en silencio como Ingeborg Bachmann

non concibo outra estación, nin
no desexo, a posibilidade real de asomarme á fiestra sen perigo de ser engulida pola gratuidade da paisaxe:
eu a nena dos lapis subida ao tellado e debaixo, o prato da sopa (desespereime tanto que quedei atrapada na
fotografía) e como cobizaba dende o alto chegar a ser espectadora:
saindo-me de dentro unha familia de gatos negros, todos eles pintores, canto desexo de luz e sombra! daquela,
na inutilidade dos corpos, percorrer o Val, meu amor, o Val do que che falei, a nosa leira de millo de valor
incalculable, o disparo, o animal morto ante os meus ollos e acto seguido, a transmutación dos valores
nada por aquí nada por aló:
un dragón sen cabeza,
PERIGO

(xa o chamán da tribo profetizara que a aldea sería tarde ou cedo destruída pola furia do volcán, iso sempre e
cando os habitantes da tribo non deixasen de ser seducidos polos beneficios económicos do turismo sexual: de
corpos, extensións de espigas douradas, canta lentitude, e soar de campaíñas, e anestesia...)

todo isto pensaba Bloomfield
namentres pintaba as terrazas brancas e rosas ao pé do monte Tarawera

OS CORPOS:

entramados de nubes
sen

significado

nubes que caen en silencio

para que nada nos separe, cadaquén ha de sentir a separación,
así falabas, dende o cometa, e a sal caía do ceo como se volvese sobre o mundo o desexo de alimentarse.
eu rexistraba con precisión os álbumes fotográficos pero perdéranse as imaxes antigas de cando me fora posible
chegar a cometer crimes: velaí que imito o murmurio do volcán, a furia dos animais negros por reflexarse nas
augas do océano, voltei ao Val e tamén á Nabeira e aínda subín ao monte ao pé do eucalipto e agardei pola
pantasma do avó -ningún cisne ningún máxico sinal ningún beneficio por dubidar-
sequera crer, se me fose posible...

NADA
NO MUNDO HABITADO
é dicir,

NADA

e as veas?
e os artefactos que empregabas para impulsarte cara adiante, as armazóns de voces seductoras nas mensaxes
telefónicas á metrópole do teu amante imaxinario?
todo, todo, recollérano todo,
dende o meu secador de pelo ata o maior dos meus desenganos,
a miña reputación, o meu ser-no-mundo, o meu fondo mariño ( árbores e prantas carnívoras, animais vivos e
mortos escampados polas corredoiras, lumes nos tellados que representan as almas dos defuntos e a necesidade
que teñen de seren recordados)
e o cazador, no centro, facendo xestos, desesperándose por non saber maniobrar coas redes,
que fermoso espectáculo televisivo,
comunicarse:
en estadios de luz-sombra, sobre todo moita sombra que impida o acceso ás interioridades
-e eu volcándome en tí, recollendo xelatina dos ollos e da boca (negro o mar negras as unllas negras as entrañas
do mundo negro o saúdo do asasino ao entrar pola fiestra, negro o seu rostro-espadas semellantes a nós e a todo
o que amamos -miña pequena encantadora de serpes-estratocúmulos,
que marabilloso sería poder cortar daquela, e facelo transversalmente,
no punto exacto do acontecer do acto
COMUNICATIVO

(...)

nubes que caen

de como o 23 de setembro do oitenta e catro
varrín toda a casa e alimentei as vacas debidamente
-non hai manchas nas sabas nin
no alento, tranquilízate mamá, espello espello espello espelliño-máxico direiche quen son:
escollerei o trauma que precises en cada momento, atraparei o monstro correspondente,
comereino todiño pero serás ti quen leve o seu nome, e marcharás feliz predicar no deserto.
canta negrura meu Deus nesa nube que pasa pero
é que non a ves?
-ATRÁPAA!

(é todo o que recordo)

naquel día
MILLEIROS DE BALAS EN FUGA
CARA ADIANTE

coa cabeza nas nubes

©Hedda Stern, Untitled




15.3.06

Fotografías...
volveuse tola a frautista dentro de min!!!
e os ratos sairon a festexalo facendo xantar nas conciencias dos habitantes da cidade-país (un exército de ratos contra un exército de cabezas pensantes:

velaí a teoria do significado)

estraña é a linguaxe dos super-vivintes,
eses dos que falarán as cancións cando
ningunha voz (léase cámara fotográfica ou desexo de ser fotografiada para a posteridade) se nos impoña sobre o desexo de ser frautistas,
e tolear

alternativa:
ollos de gato con amorogos
facer o amor enriba das nubes
e debaixo
palalalalalalalabras

Negativos...

dende a realidade que lle impón nomes ao desexo, á vida:
LIPPEN-SCHWELLGEWEBE der Du-Nacht,
e tamén beizos, tecido-límite da noite-tí.
presentir algo semellante.
como super vivir daquela,
senón na devastación, na ferida

amplo seria o mundo de haber como e onde e de quen e por que ESPERTAR
cando

Copias...
1. Anteollos escuros pra ler a Paul
2. Ósos rotos despois da merenda,
unha fiestra, un ruido de sabor-tempo
entrando polos meus orificios, dando a voz de alarma....
3. Non te entenderán. nin que lles expliques o peso das balas que devecen por seren libertadas
4. concibo o meu nome en minúsculas
pra poder navegar polos bordes sen ter que levar paracaidas
5. As cancións de Kitsch polo sumidoiro
A mellor droga? O desencanto

un bosque ardendo a modo de parede,
e contra el, a desesperación
nada poderá.
Nin o medo.

(significar é unha maneira das moitas que ten a pornografia: un acto público con independencia de que os espectadores sexan ou non visibles, obxectivamente existentes)

cando estiven diante da verdade


















©Sam Weber "Little Red Riding Hood"